jueves, 27 de noviembre de 2008







Mostra de Artesanía da Ponte de Lóuzara
(Nesta entrada inclúo o pregón que escribín para a I Mostra de Artesanía celebrada na Ponte de Lóuzara o 17 de agosto de 2008. A inciativa da Asociación Cultural Fonte da Cova recuperouse a feira que se celebraba regularmente o dezasete de cada mes.)
PREGÓN DA I MOSTRA DE ARTESANÍA DE LÓUZARA.
Bos días, veciños e veciñas de Lóuzara e demais asistentes a esta “I Mostra de Artesanía da Feira do Dezasete”.Probablemente non sexa a persoa máis indicada para inauguraar este evento pero como louzariño sinto un profundo orgullo e moita satisfacción en compartir con vós esta oportunidade que se me brinda. Procurarei non aburrirvos demasiado e serei breve, pois a estas horas o rato xa anda no bandullo e o olor a polbo invita a sentar á mesa máis que a oír discursos.O lugar onde se realiza esta Mostra é o incomparable marco da Campa da Choza. Aquí, ata hai trinta anos, ano arriba, ano abaixo, celebrábase o dezasete de cada mes a Feira da Ponte, tamén coñecida polo nome da Feira do Dezasete. A esta feira acudían xentes de todo Lóuzara e dos lugares próximos doutros concellos como Pedrafita, Paderne ou Miraz do Courel, Vilarxoán, Leizán e Foilebar do Incio ou Louzarela e Val de Fariña de Pedrafita do Cebreiro.No campo da feira onde estamos vendíanse, mercábanse e intercambiábanse produtos da zona e outros que viñan de fóra, coma os pipotes de viño que traía o Celeste da Póboa do Brollón, o chocolate do Andrade de Monforte, as segadoras e muíños eléctricos que vendía o Antonio de Vigo do Real ou os zapatos de pel do Silgueiros do Incio.A Feira do Dezasete representaba o esplendor comercial e económico que a Ponte de Lóuzara foi noutra época. Este era o punto de paso desde o Incio ou Samos cara ao Courel e o Cebreiro. Desde aquí abastecíase unha poboación moito máis numerosa na zona ca hoxe en día. Boa proba disto eran os numerosos negocios que se asentaban á beira do río Lóuzara.Aproveitando as augas do río estaba o Muíño do Mesón, atendido pola Tona de Vilela. Nesta casa, que hoxe se atopa en estado ruinoso, comezaron a traballar no comercio a Eduviges e o Enrique, que máis tarde se instalarían na outra marxe do río. A señora Eduviges tiña fama de boa cociñeira e os callos que preparaba cada dezasete tiñan moita demanda. Desde ben cediño o agradable arrecendo a callos estendíase por entre os castiñeiros desta campa, dándolle un aroma saboroso á feira.Seguindo cos arrecendos, desde a casa de Veiga chegaba o característico olor a polbo. Alí podíase degustar este delicioso prato que en nada envexaba ao que fan as polbeiras do Carballiño, que teñen sona de ser as mellores da nosa terra.E, xa fartos de callos ou polbo, as mellores sobremesas eran as do Café, que así se lle chamaba tamén á casa de Pumarega na honra da cafeteira que os días de feira non daba repartido cafés aos centos de feirantes. E falando de repartos, nesta casa ademais de comidas e cafés tamén se repartía o correo. Durante moitos anos o Amadeo Anca de Santo Sidro ía a pé buscalo a Samos pero máis tarde era aquí a onde chegaba. Desta casa era e aínda é o Pepe de Pumarega que foi o primeiro servizo de “La tienda en casa” que houbo na comarca. Aínda lembro cando chegaba a Bustofrío co seu Land Rover ateigado de macarróns, azucre, galletas ou tabaco e aos máis cativos sempre nos regalaba unha peza de froita ou un caramelo.Outro dos comercios importantes no seu día foi o do Cortiñas e a señora María. Alí había case de todo: desde a máquina de embotellar aceite de oliva que presidía o mostrador, os fouciños, fouces, rodos e gadaños cos que se labraron os eidos louzariños durante décadas; os chourizos, cacholas, lacóns e zocos colgados do teito do comercio e, como non, o viño de Quiroga, do Bierzo ou de Amandi que enchía a súa bodega. Nos días de feira chegaron a ter ata catro axudantes no comercio, ademais dos seus propietarios. Nesta casa pasaba consulta o médico os días da feira e mesmo estaba acondicionada para eventos importantes coma vodas ou bautizos.
Un pouco máis arriba atopábase a casa do Juan Ramón. Tamén tiña comercio e daba comidas. Foi nesta casa onde se representou a que probablamente sexa a primeira peza do teatro en Lóuzara titulada O bufón de el-rei, de Moliére. Entre os seus actores atopábanse o Jaime do Canedo de Santo Sidro e Santiago do Redondo de Bustofrío.E para rematar a andaina das casas de negocio estaba O Tropezón, rexentado polo Martín de Praducelo e a Rosaura de Trascastro. O feito de estar situado na saída da Ponte outorgáballe o título de “Pechacancelas” das noites de farra e esmorga pois era o local onde os mozos adoitaban tomar a arrancadeira antes de volver para a casa. Foi nunha desta noites de esmorga cando un bistío meu chamado Francisco, ao que cariñosamente, todo hai que dicilo, lle chamaban Francisco Alegre, deu un mal paso e rompeu unha costela ao caer polas escaleiras. Este feito provocou que el mesmo lle compuxera a seguinte copla:Que noites tan negras no Tropezón,o viño tan malo e pagalo a millón.Escaleras de la muerte, escalón por escalón,onde rompín a cachola e das costelas a millor.(...)Mais na Ponte tamén había outro tipo de actividade comercial á parte das xa citadas. Na Choza estaba a perruquería da Celia e os bailes de organillo que organizaba a Primitiva os días da Feira, bailes nos que os mozos lucían elegantes traxes de pana ou tergal cortados e cosidos polas mellores mans de xastre desta contorna como eran e aínda o son as do Ánxel de Praducelo. Pola súa banda, as rapazas engalanábanse con vestidos longos e outros máis curtos, se as autoridades llelo permitían, tallados por unha das mellores modistas dos arredores, a Señora María, falecida aínda non hai moitos días. E cando alguén deixaba este mundo aí estaba O Funerario para facerlle un cadaleito de freixo ou castiñeiro que o había levar ata San Xoán.Aínda semella que se escoitan entre estes castiñeiros o balbordo do xentío mesturado co muar dos beceros e das vacas atados aos castiñeiros; o regateo e falsos xuramentos de vendedores e piqueiros coa chilava negra ou azul e as tesoiras marcando o gando, piqueiros coma os irmáns Nadelas, o Sardiñeiro de Monforte ou o Cocho Crudo de Sarria, alcume o deste último que lle proviña da súa afección ao touciño de porco cando era un nino. Uns e outros acudían aquí co desexo de facer boa feira e cando non se vendían as reses volvían cos becerros atrelados acompañados dunha vaca mansa ou doutro animal, como a mula que tiñan dos da Viela de Vila do Castro.

Mais estas vivencias, recordos e personaxes aos que me acabo de referir xunto con aquelas que moitos de vós gardades no arcaz da memoria foron caendo no esquecemento a paso de boi marón. Hai arredor de trinta anos que non se celebra feira: primeiro abandonouse a de gando, despois deixou de vir a xente comer o polbo ou os callos ou simplemente a tomar uns viños. A falta de actividade comercial, o cambio de hábitos de vida e o despoboamento das aldeas coa incesante perda de poboación poden ser algunha das causas do esmorecemento da feira.Na obra de teatro de Fiz Vergara Vilariño que imos representar hoxe ás seis, a muiñeira pregúntase se os emigrantes volverán algún día. Hoxe, aquí, estades moitos dos que algún día tivestes que marchar por motivos laborais. E tamén estades os que vivides aquí verán e inverno, os que co voso traballo e esforzo diario lle dades vida, forma e sentido a este recuncho de Galicia.Hoxe é un gran día e por iso aplaudimos esta iniciativa recuperadora levada a cabo polos organizadores e animámosvos a que o día de hoxe teña continuidade no futuro pois, como dicía Florentino López Cuevillas: “Seguide sempre con fe e se se vos ocorre pensar acaso se sementades ou esparexedes, desbotade ese pensamento e tede por certo que calquera traballo, grande ou pequeño, duro ou livián que emprendades en nome de Galicia é sempre sementeira.”Grazas pola atención e bo proveito a todos.Boas tardes.Dezasete de agosto de dous mil oito.

No hay comentarios: