jueves, 27 de noviembre de 2008


Os brindos das vodas.


En cáseque todas as culturas das que temos noticias existen manifestacións culturais expontáneas do pobo xurdidas en actos comunitarios, ben sexan actos lúdicos ou durante a realización de diferentes tarefas. A nosa tradición cultural foi, de sempre, moi dada a entorar cantos para conmemorar o remate de determinados traballos agrícolas ou festas, cánticos nos que se louba a chegada da primavera, os reis, etc.
Dentro deste rico patrimonio houbo en tempos un tipo de cantigas ou coplas, as máis comúns de catro versos, que se coñecen nesta zona (O Courel, Samos, O Incio, Triacastela,...) co nome de brindos. Os brindos son, pois, coplas improvisadas coas que se formulaba un desexo ou petición nas vodas e que tiñan como destinatarios os protagonistas do enlace. A finalidade do brindo era conseguir as roscas e o tabaco que repartían os padriños na voda se a copla era do seu agrado. Noutras zonas de Galicia a estas coplas chámanlles Regueifas, que é o nome que recibe unha rosca feita de ovos, azucre e caramelos que repartían os padriños ó final do convite.
Os brindos tiñan unha temática moi variada pero sempre estaban dirixidos ós protagonistas do enlace (noivos, padriños, os pais, os curas, a algún invitado), ó tipo de comida que había, algunha circunstancia relacionada co casamento, etc. Sen embargo, non sempre eran de louvabanza xa que moitos deles tiñan, como é normal na tradición oral, un dobre sentido co que se ironizaba ou mesmo se rediculizaba a persoa á que estaba destinado. Deste xeito en moitas vodas os noivos contaban con algún amigo brindador para que replicase desde dentro da casa, pois as vodas xeralemnte facínse nas casas dos contraíntes, ós ataques proferidos desde fóra. Nalgunha ocasión as vodas remataron a paus porque os brindos deixaban de ser sátira e pasaban a ser insulto. Así, chegaron a estar prohibidos durante algúns anos da posguerra na zona do Real de Samos.
Vexamos, pois, algunha mostra deste tipo de composicións1.


1-Os noivos


Ó novio desta voda
que non lle pareza mal
é torto e enxorobado
e ten un ollo de cristal.


O novio desta voda
decían que era o demo
que antes de se casar
tiña unha amiga no pueblo.


O novio desta voda
ieso ca novia é ben gorda
pero os puros que comprou
eran todos da perra gorda.


Os puros da perra gorda
ieu paseiche pola bica
se el os tiña da perra gorda
a madriña tíñaos da perra chica.


Válgame a madre de Dios
eu non me chamo Teresa
que salia a novia
que parece unha princesa.


Válgame a madre de Dios
eu pasei por Outeiro
e o que lle gusta a ela
é encontrar un herdeiro.


Se lle gusta o herdeiro
esto non che é eterna
porque dicen que lle pasa
que coxea dunha perna.


Se non se casou hoxe
que esperaba pa mañá
ieso que según decían
que tiña gran propiedá.


Un veciño que a quería
e déuchelle muito a lata
ieso que decían que tiña
sólo un burro e unha vaca.


Os novios de hoxe
van polos leiros
porque resulta que os dous
dicen que son herdeiros.


El día que yo me case
Quiera Dios que no aparezca
Ni cura ni sacristán
Ni las llaves de la iglesia.


2-Os padriños


Válgame a madre de Dios
ela me queira levar
que salga a madriña fóra
que temos que bailar.


A madriña está solteira
que ten gana de falar
pero dicen os veciños
que ten muita gana de se casar.


Non encontra un novio
porque está calada,
tamén dicen os demais
que é mui apretada.


¡Válgame a madre de Dios
tírano aí, andai, andai,
cuando salís dai-lo tabaco
que rabiamos por fumar!


Que rabiamos por fumar
tírano aí andai, andai
hai un saco de tabaco
pero hai que o sudar.


Pero hai que o sudar,
Ferraría de Sober,
hai un saco de tabaco
pero hai que o saber merecer.


A madriña desta voda
debe ser un pouco tosca
siquiera foi capaz
de repartir unha rosca.


A madriña desta voda
está un pouco desesperada
porque ten corenta anos
e pensa non ser casada.


A madriña desta voda
é sulteira e sin compromiso
e tan apretada que é
que seica che ven sino viso.


O padriño desta voda
non leva corbata con nudo
que inda non foi capaz
de invitar a un puro.


Dicen que é tan arrogante
ieso calquera lle gana
según o viron vestir
leva calzoncillos de pana.


3-O cura


O cura cos casou
debía estar tolo ou borracho
que siquiera preguntou
cál era a femia ou o macho.


O cura que os casou
non se chamaba Matías
pero en cambio según dicen
ten tres ou catro fillas.


E que tiña tres queridas
e unha era a criada
iautra según dicen
é a de hoxe casada.


O cura era bon peixe
e mais non levaba velo
e según os contos que hai
tiña tres fillos no pueblo.


Todas as mulleres
estaban casadas
que sempre tiña
quen cargara cas hazañas.


As amigas que el tiña
todas tiñan boas pernas,
unha era a muller do alcalde
iautra a filla do xuez.
1 Estes brindos foron recollidos en Bustofrío, A Ponte de Lóuzara e Vigo do Real.

No hay comentarios: