jueves, 27 de noviembre de 2008





O DÍA DA FESTA.





Actualmente celebramos a festa o día 25 de agosto mais tamén se celebrou noutras datas. A comezos do século XX celebrábase o día 15 de agosto, de feito a patroa é a Nosa Señora, mais como se lles pagaba en especie aos músicos, fundamentalmente gran de centeo, e polo 15 deste mes aínda non se tiña feito a malla víronse na obriga de cambiala para o día 1 de setembro. Durante boa parte do século XX veuse celebrando os días 1 e 2 deste mes, mesmo se celebrou durante a guerra e na ditadura. Recentemente, hai máis de 15 anos, cambiámola para o 25 de agosto. O motivo principal era que a meirande parte dos familiares que viñan de vacacións tiñan que incorporarse ao traballo antes do día 1 de setembro.

A festa é unha das poucas ocasións nas que aínda se conserva a participación colectiva dos veciños. A véspera da festa aínda se xuntan as mozas e as que o foron algún día para limpar a capela. Aos mozos tócanos adecentar o campo da festa. Desde hai máis de 13 anos vimos representando unha obra de teatro na que, dalgunha maneira ou doutra, os veciños participan.

O día 25 sempre facemos alborada, ben sexa con músicos da propia aldea ou con algunha charanga. Visítanse todas as casas, agás que estean de loito. Os músicos tocan algunha peza e os da casa corresponden con viño e doces. É unha das poucas ocasións nas que se "olvidan" aqueles problemas do ano.









Despois da alborada, e cos seus pertinentes viños no pelexo, chega a hora da misa coa procesión. Unha vez rematado o folión chega a hora do xantar e a agardar polo baile da noite.


No hay comentarios: