jueves, 27 de noviembre de 2008













O TEATRO






O grupo de teatro “Milrosas” xorde como iniciativa cultural en Bustofrío de Lóuzara da man de Pepe do Campo, alá polo ano 1993. Nese ano un grupo de rapaces da aldea, sen experiencia ningunha no mundo do teatro, poñemos en escena a obra “O muíño vello nunca morrerá”, do escritor de Santalla de Lóuzara Fiz Vergara Vilariño. Esta obra xa fora dirixida por Pepe do Campo na década dos 70 e escenificada nas festas patronais do San Roque en Santalla. A representación do ano 1993 fíxose na terraza da casa do Pepe, ao aire libre o 24 de agosto e coincidindo coas festas de Bustofrío. Alí mesmo e froito da amizade do Pepe con Fiz este último comprométese a escribir outra obra para ser representada ó ano seguinte: “A traxicomedia dos peidos do Demo”.


Ante a boa acollida por parte do público representamos outras obras do mesmo autor: “Cando a morte baixa a Milrosas e neva a retortoiro”, “As pulgas nunca dormen” e “Na taberna da Casiana”. Desde ese ano 93 mantivemos sempre a data do 24 de agosto, a hora de representación, as dez da noite e o escenario, a terraza da casa do Pepe, aínda que nalgunha ocasión tamén representamos fóra, como no centro de maiores de Monforte de Lemos e na I Mostra de Artesanía da Ponte de Lóuzara.Fiz é o noso autor, porque é louzariño e a el uníanos unha fonda amizade, o que posibilitou que escribise algunha das obras para ser estreadas en Bustofrío.Ademais das obras de Fiz tamén representamos a obra “O achado do castro” de Xesús Pisón e dramatizamos poemas del e doutros autores galegos como Uxío Novoneira, Rosalía de Castro, Castelao, Rafael Dieste, Darío Xoán Cabana, Manuel María, etc.Alén do teatro, tamén contamos con pregoeiros excepcionais coma o propio Fiz, Uxío Novoneira ou o poeta de Ferramulín Vicente Reboleiro entre outros.Os integrantes do grupo “Milrosas”, nome que procede dunha das obras de Fiz, somos da aldea de Bustofrío e doutras dos arredores que compaxinamos o traballo do agro con esta actividade lúdico-cultural, aínda que a maioría é xente que vén de vacacións no verán. Nunha das obras mesmo actuou unha rapaza hondureña e un francés. No colectivo non hai límite de idade para formar parte, a actriz máis nova contaba con sete meses e o máis vello un veciño da aldea, xa falecido, con 95 anos. Desde o ano 1993 foron máis de 30 persoas as que nalgunha ocasión formaron parte do grupo “Milrosas” .









Na actualidade só quedamos catro dos fundadores, Pepe do Campo, a Petita, Vanesa de Barreiro e mais eu, Xulio Pérez Pereiras.En definitiva, representamos un colectivo aberto que temos en común a afección ao teatro e o propósito de manter viva a lingua e dar a coñecer a autores galegos que para moitos dos asistentes ás representacións foi toda unha descuberta.

No hay comentarios: